Sunday 19 de May de 2024

Tres novos murais promoverán na Coruña os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible


O Concello organizou a sexta edición do concurso ‘Muros que unen’ para promover as metas da ONU

As obras de Bernat Solsona, ‘Pekolejo’ e Marta Burgui convidan a reflexionar sobre o consumo responsable, o cambio climático e a protección dos océanos

Tres novas obras fomentarán a reflexión sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU no Barrio das Flores tras gañar o VI Certame de murais arredor dos ODS ‘Muros que unen’, organizado polo Concello da Coruña en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As propostas de Bernat Solsona, ‘Pekolejo’ e Marta Burgui resultaron ser as que mellor ilustran os ODS 12,
13 e 14, que promoven o consumo responsable, a acción climática e a protección dos océanos.

Así o decidiu o xurado, integrado polos artistas Peri Helio, Sandra Lodi e Alejandro Mosquera, vencedores da anterior edición, xunto con unha representante do Fondo Galego e outra do Concello. Ao concurso presentáronse 29 muralistas -en catro casos ían en parella-, dos que 16 eran mulleres, superando por vez primeira ao número de homes, e recibíronse un total de 34 bosquexos. As tres obras seleccionadas faranse realidade previsiblemente neste mes de setembro nos soportais da rúa Azar, cubrindo unha superficie de máis de 60 m2.

A proposta ‘Barrios con vida, non con caixas’, do barcelonés Bernat Solsona, resultou escollida para representar o ODS 12: garantir modalidades de consumo e produción sostibles. O xurado valorou a capacidade para evocar estes aspectos, recreando o comercio local que está a ser substituído polas compras en liña. Cun estilo definido e empregando só a cor vermella, transmítese unha mensaxe que ofrece distintos niveis de lectura a medida que se profundiza na obra. O bar con produtos de proximidade, a libraría que soporta a cultura local e o taller onde se reparan bicicletas encaixan coa promoción de modalidades económicas e estilos de vida sostibles que impulsa a Axenda 2030.

O dúo ‘Pekolejo’, integrado pola estremeña Penélope Moreno e o chileno Moisés Vargas, vai ilustrar con ‘Éxodo climático’ o ODS 13: Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos. O bosquexo reflicte as migracións xeradas polo quecemento global, que se percibe nas tonalidades cálidas, mesmo personificando aos animais afectados, que buscan salvarse a bordo dunha especie de arca de Noé na que viaxa tamén unha rapaza. Ela suxeita unha pequena planta, mirando o horizonte en actitude resiliente, á procura dun futuro mellor.

‘Conservemos o ecosistema mariño’, da logroñesa Marta Burgui, foi o deseño seleccionado para simbolizar o ODS 14: conservar e utilizar de forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostible. A obra lévanos a descubrir e poñer en valor a diversidade do fondo mariño, un mundo cheo de vida e de cor que tanto nos achega e que debemos preservar. O xurado tivo en conta o equilibrio e os contrastes da composición, alén da súa mensaxe optimista, transmitida tamén pola paleta escollida.

Anima así a evitar a contaminación e sobreexplotación dos océanos, protexendo a súa riqueza.

A través dos tres murais, premiados con 2.000 euros o primeiro e con 1.500 euros os outros dous, emprégase a arte urbana para difundir os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU en 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade da poboación no horizonte de 2030. Co fin de fomentar tamén o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, ‘Muros que unen’ encádrase no convenio asinado entre o Concello da Coruña e o Fondo Galego, que destina así 20.000 euros á realización de actividades de sensibilización fronte ás desigualdades. É tamén unha inciativa máis impulsada polo Goberno de Inés Rey para afondar na sensibilización sobre o coidado do medio e tamén para apostar por unha maior calidade urbana e polo apoio aos creadores.